As 682 prazas coas que contaba Galicia na convocatoria de Formación Sanitaria especializada -máis coñecida como MIR- deste 2026 xa se cubriron, sen necesidade de activar o proceso de repesca. A última adxudicouse esta mesma mañá, pasadas as 12.30 horas. Foi unha vacante de medicina familiar e comunitaria na área sanitaria de Ferrol.
Do total de prazas ofertadas, a maioría eran precisamente desta categoría, seguida por Enfermaría (116), e xa a moita máis distancia Farmacia (17), Psicoloxía (16), Bioloxía e Física, con catro cada unha, e Química, con dúas prazas.
A provincia da Coruña era a que concentraba máis prazas, 323; seguida de Pontevedra, 213; Lugo, 76; e Ourense, 70.
En base aos datos facilitados polo Ministerio de Sanidade, medicina familiar e comunitaria volve ser a especialidade que máis tarda en cubrirse por completo. A nivel nacional, este mércores quedaban 171 postos, todos desta especialidade. En Galicia, 39 e tamén todos de medicina familiar.
Ademais de Ferrol, Monforte de Lemos é a outra localización con menor demanda de peticións, xunto a Ourense. A nivel nacional, na mesma situación atópanse Ponferrada (León), Don Benito (Badaxoz) e Cáceres.

