Axentes da Policía Nacional pertencentes á Comisaría de Ferrol-Narón detiveron a cinco persoas acusadas dun delito contra a saúde pública ao estimar que se dedicaban a traficar con sustancias estupefacientes desde un piso.
Segundo informou a Policía, as detencións producíronse após varios meses de investigación, na denominada ‘Operación Centro’. Segundo as pescudas, un dos homes apresado tiña vinculación con outros coñecidos subministradores de sustancias estupefacientes e realizaba contactos cos mesmos en diferentes puntos.
Así, o pasado xoves, 7 de maio, axentes adscritos á Brigada Local de Policía Xudicial e de Seguridade Cidadá, estableceron un dispositivo que culminou coa detención de tres persoas, coa intervención de medio quilogramo de haxix e esteroides anabólicos.
Acto seguido procedeuse á detención dos responsables da distribución e realizouse un rexistro domiciliario no que se localizaron restos de cocaína, sustancias de corte para a dita sustancia, ademais de diverso material e máis de 9.000 euros, atopándose tamén cincuenta e cinco billetes de 50 euros falsos, indicaron as mesmas fontes.
Após ser levados á Comisaría e despois de realizar as dilixencias, os detidos foron postos a disposición do xulgado de garda de Ferrol.