O Sergas despregará un dispositivo de asistencial específico en toda Galicia para garantir a cobertura sanitaria durante a eclipse de sol total que se poderá ver na comunidade este mércores.
Fontes sanitarias explican que se reforzarán especialmente os recursos nas áreas da Coruña e Lugo, onde se prevé unha maior afluencia de persoas.
O dispositivo do Sergas vira ao redor de catro eixos: o reforzo do persoal sanitario nos Puntos de Atención Continuada, o reforzo de facultativos nas urxencias hospitalarias, o de oftalmólogos de garda nos hospitais, e o reforzo do 061, con recursos humanos e asistenciais adicionais para garantir unha «resposta sanitaria áxil, coordinada e adaptada ao incremento previsto da demanda».
En concreto, con motivo do dispositivo especial previsto, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 establecerá, entre outros, un reforzo da central de coordinación coa incoporación dun médico coordinador, un formador, teleoperadores e un radioperador.
Tamén despregarán unha ambulancia medicalizada de reforzo para a área da Coruña, que permanecerá situada no posto de mando avanzado, na zona da Coraza (no espigón situado entre as praias de Orzán e Riazor) e reforzaranse as ambulancias de Soporte Vital Básico para incrementar a cobertura asistencial durante o período do dispositivo especial.
Concretamente, ampliarase de forma excepcional o horario de funcionamento das seguintes unidades, pasando de 12 a 24 horas a SVB da Coruña (A-649), a de Narón (A-298), a de Vilagarcía de Arousa (A-856), a de Rianxo (A-835) e a de Foz (A-875).

