A catedrática Dolores Vilavedra, recentemente elixida presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), tomou posesión do seu cargo este venres nun acto que tivo lugar na sede da institución en Santiago e que contou cunha ampla representación do ámbito político, institucional, académico e cultural. «Combateremos a desinformación e a banalidade coas ferramentas da razón, a investigación e a creatividade», declarou.
«Queremos que o Consello sexa unha caixa de resonancia das grandes voces da cultura contemporánea galegas e non galegas. Será unha prioridade deste equipo facer visible o compromiso desta institución coa sabedoría, a capacidade de análise e reflexión co espírito crítico e co valor do coñecemento científico», aseverou a nova presidenta.
Durante a súa intervención, situou a produción dun coñecemento «transversal e interdisciplinar» no centro da misión da institución e apelou a «continuar a manter a diversidade disciplicar apostando ao mesmo tiempor pola divulgación e pola excelencia».
«Inicio coa ilusión de quen emprende unha aventura, unha viaxe cuxa meta é unha Galicia na que se dean as mellores condicións para o desenvolvemento dunhas prácticas culturais independentes e plurais que reforcen a democracia, que combatan as desigualdades e que nos axuden a pensar novas fórmulas de vida que nos fagan máis libres e felices para enfrontarnos con éxito aos desafíos presentes e futuros», engadiu Vilavedra.
Así mesmo, asegurou sentirse «abrumada» pola «honra que supón suceder na presidencia a figuras tan destacadas como Ramón Piñeiro, Figueira Valverde, Carlos Casares, Ramón Villares ou Rosario Álvarez», pois «deixaron moi elevado o nivel de esixencia e excelencia que leva aparellado asumir este cargo».
Tamén recoñeceu a importancia social de converterse na segunda muller en presidir a institución, un feito que definiu como «a constatación irreversible dun cambio social» que mostra á sociedade galega como «unha sociedade máis xusta, máis diversa» e ao CCG como «unha institución firmemente comprometida con estes valores».
Pola súa banda, a presidenta saínte, Rosario Álvarez, definiu o seu mandato como «colaborativo, participativo e non presidencialista» e despediuse «con satisfacción polo traballo feito, con gratitude e con moitísima esperanza». «Retírome con sensación doce, de tarefa feita e camiño compartido en boa compañía e, sobre todo, con gratitude», concluíu.
VILAVEDRA OFRECE AO GOBERNO «LEALDADE E RESPECTO»
Entre os asistentes no acto, atopábase o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín e a reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rosa Crujeiras, entre outros.
Alí, o presidente galego agradeceu á presidenta saínte pola «súa lealdade, amabilidade e por estar sempre disposta a escoitar desde a responsabilidade», así mesmo, recoñeceu «o seu legado». Tamén tivo palabras para a nova presidenta e asegurou que «o seu éxito será o éxito dos galegos».
«A cultura é un esforzo compartido, por iso é necesario que sigamos unindo forzas», destacou e defendeu que Galicia «atravesa un ciclo cultural moi bo e o sector non para de crecer».
«Temos retos por diante, espero que este ano sexa o ano do Pacto pola lingua», destacou. «Entendremos a xestión cultural como salvagarda da nosa identidade, apelo a que sigamos traballando unidos para que Galicia siga sendo referente», concluíu.
Nesta liña, a presidenta do CCG ofreceu ao Goberno galego «lealdade e respecto institucional, máxima colaboración e a vontade de manter activas canles de comunicación fluídos». Con todo, tamén lembrou a autonomía orgánica do Consello como condición para garantir a súa independencia.
LIÑAS DE ACCIÓN
En canto ás liñas estratéxicas do seu mandato, Vilavedra aposta por reforzar o Observatorio da Cultura Galega, impulsar os dereitos culturais, ampliar os públicos da institución e adaptar o Consello aos retos do presente e do futuro.
Entre as primeiras iniciativas avanzadas figuran a elaboración dun informe sobre a lectura en Galicia e a posta en marcha dun plan cuadrienal de dixitalización.
Outro dos eixos do seu discurso foi o reforzo do traballo na Rede, así, apostou por ampliar a colaboración co asociacionismo cultural, o sistema educativo, os centros de estudos galegos no exterior e as novas diásporas.
Ademais, expresou un compromiso «como cidadá e como presidenta» na defensa da lingua galega, e a necesidade de favorecer unhas condicións de uso, transmisión e difusión que «aseguren o seu futuro».

