As diferentes institucións galegas gardaron un minuto de silencio en memoria das vítimas após o dobre terremoto de magnitudes 7,2 e 7,5 rexistrado na xornada do mércores (medianoite do xoves 25 na España peninsular e Baleares) en Venezuela.
A Xunta, o Parlamento de Galicia e concellos de toda a Comunidade, seguindo a convocatoria da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) renderon este luns, ás 12.00 horas, unha homenaxe silenciosa ao pobo venezolano.
No concello pontevedrés de Marín, o acto foi especialmente emotivo e congregou a decenas de persoas debido a que unha familia de orixe venezolana residente no municipio, que se atopaba de viaxe no país latinoamericano, permanece desaparecida na Guaira.
Os desaparecidos son Yhosvany Hernández Fernández, Adela Taberneiro García e os seus fillos Ulises, de oito anos, e Lea, de nove. Todos eles viaxaron o sábado, día 20, a Venezuela e estaban a visitar a familiares na Guaira, concretamente na zona da praia Os Cocos, na localidade de Carballeda.
Trátase dunha familia moi coñecida e querida neste municipio xa que, en 2021, fundaron o Marinenses Hockey Club, do que Yhosvany é adestrador e Adela, presidenta.
Por iso, nenos, novos e o claustro do Colexio A Inmaculada, onde están escolarizados os menores, acudiron ao acto, no que tamén participaron veciños venezolanos residentes no municipio.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, lamentou a traxedia, que o municipio pontevedrés «está a sentir de maneira especialmente dura». «A súa desaparición ten os corazóns da súa familia, persoas próximas e de todo Marín en albas», sinalou a alcaldesa.
A continuación, mostrou a «solidariedade máxima» cos seus seres queridos e co resto das persoas que «están pendentes dos seus familiares ou que, desgraciadamente, perderon a alguén nesta traxedia absoluta».
«Marín está convosco e non deixaremos de facer todo o que estea na nosa man para axudar e achegar nun momento tan duro e delicado», remarcou a rexedora.
Ao termo do acto, que finalizou cun aplauso, Joan Andrade, amigo da familia e tamén de orixe venezolana, lamentou a «traxedia moi fea» que sacudiu ao país e lembrou que ten «moitos compañeiros afectados».
«Á miña familia non lle pasou nada, pero teño moitos amigos que están afectados e temos esperanza de que estean vivos. Non teño palabras», expresou.
XUNTA E PARLAMENTO DE GALICIA
O Goberno galego, co presidente, Alfonso Rueda, e os conselleiros á fronte, xunto con outros cargos e traballadores do complexo administrativo de San Caetano, tamén gardaron un minuto de silencio ante o Edifico de Presidencia.
Do mesmo xeito, o Parlamento de Galicia acolleu este luns un minuto de silencio na escaleira exterior do Pazo do Hórreo. Participaron, ademais do presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices, deputados de todos os grupos parlamentarios, a Valedora do Pobo, María Dores Fernández Galiño, e o presidente do Consello de Contas de Galicia, Juan Carlos Aladro, entre outros.
Pola súa banda, no acto convocado no Concello de Ourense participaron membros do grupo de goberno e do resto de corporacións municipais, así como o propio rexedor, Gonzalo Pérez Jácome.
«Non deixan pasar axuda humanitaria, é unha vergoña. Os militares están a saquear casas. É unha situación moi precaria e moi grave. Necesitamos axuda de todo o mundo porque o estamos pasando moi mal», trasladou Rosa Cambeses, muller de nacionalidade venezolana que participou tamén no minuto de silencio e cuxo irmán se atopa en «estado grave» como consecuencia dos terremotos.
«Hai moita dor, é inexplicable, queremos tratar de axudar a todo o mundo. As miñas irmás e eu non podemos viaxar para enterrar á nosa nai, só poderemos vela por videollamada o último día da súa vida», lamentou Carmen Díaz, outra das persoas que asistiron ao acto.

